Publicada el 16 Ee febrero Ee 2015 a las 13:10 |
ALBERTO RODRÍGUEZ.- Este martes día 17 de febreiro continúan as actividades programadas polo Concello de Baiona para celebrar o Entroido. 16 comparsas chegadas de Gondomar, Nigrán, Tomiño, Soutomaior ou Vigo participarán no tradicional desfile, que sairá ás 17:00 horas desde a Praia de Santa Marta e finalizará na Rúa Carabela Pinta, onde se realizará a entrega de premios.
As comparsas que desfilarán polas principais rúas de Baiona serán “Piratas por un tubo”, “Vinciocas-pirata”, “Fantasía de primavera”, “Chegaron os que faltaban”, “Air Tebra”, “Marines”, “A fábrica dos soños”, “Paseando por Estados Unidos”, “Vaia dinotroula”, “Be Africa”, “O noso circo”, “Alta cociña”, “Fantasía de Nigrán”, “El imperio del Rey Escorpión”, e “7 artes para un entroido”, ademais de “Os Migelianos de Oia”, que non participará no concurso.
Cambios na programación
Con motivo do mal tempo, producíronse algúns cambios na programación do Entroido. Tanto o martes como o mércores instalaranse os hinchables e obradoiros para nenos previstos para o pasado fin de semana no Paseo Ribeira, de 16:00 a 20:00 horas.
O mércores, ás 19:00 horas, o Enterro da Sardina poñerá o punto e final ao Entroido 2015. Sairá desde a Praza do Concello acompañada pola Charanga Nova Cubana, para percorrer as principais rúas do casco urbano ata chegar á Praia da Ribeira, onde se procederá á súa queima.
Categorías: Baiona, Cultura/Ocio, Galego