100% Val Miñor / 100% Independente

Toda a actualidade do Val Miñor

Hemeroteca (2009-2015)

Santa Fe recibe a Medalla de Ouro de Baiona tras dúas décadas de irmandamento

Publicada el 6 Ee marzo Ee 2015 a las 20:50


ALBERTO RODRÍGUEZ.- O Concello de Baiona entregou este venres a Medalla de Ouro da vila ao pobo irmán de Santa Fe de la Vega de Granada, distinción concedida na sesión plenaria celebrada o 2 de outubro de 2014 como testemuño de recoñecemento e gratitude por tantos anos de amizade e confraternidade compartida.


O alcalde de Santa Fe, Guzmán Morillas, foi o encargado de recibir a distinción de mans do seu homólogo baionés, Jesús Vázquez Almuíña, nun acto celebrado no Salón de Plenos.


A concelleira de Cultura, María Iglesias, afirmou que "a cidade de Santa Fe e as súas xentes son dignos merecedores de tal distinción e recoñecemento, despois de cumprirse o 20 aniversario da firma do irmandamento entre ambos os dous municipios, referendada e rubricada novamente o pasado ano".


Santa Fe, onde se asinaron as capitulacións subscritas entre o Rei Fernando de Aragón e a Raíña Isabel de Castela co navegante Cristóbal Colón, camiña na actualidade con paso firme e decidido xunto con Baiona e Palos de la Frontera nun proxecto conxunto para a declaración por parte da UNESCO como Patrimonio da Humanidade aos Pobos Colombinos de España.


Pola súa banda, o rexedor santaferino reiterou en nome dos habitantes da cidade andaluza o seu profundo agradecemento "pola honra co que hoxe nos distinguides", facendo partícipes dela os alcaldes que lle precederon. Antonio Callejas, que iniciou a relación entre os dous pobos; José Rodríguez, recentemente desaparecido e importante durante a preparación e conmemoración do V Centenario; Sergio Bueno Illescas, de quen partiu xunto aos actuais alcaldes de Baiona e Palos, Jesús Vázquez Almuíña e Carmelo Romero, o reto de traballar unidos pola declaración da UNESCO, e que propiciou a concesión da Medalla de Ouro de Santa Fe á Real Vila o pasado ano; e José Mª Aponte. "Todos eles ao longo do seu mandato fixeron moito porque este proxecto común e o irmandamento entre Baiona e Santa Fe fose o que é hoxe e xusto é recoñecelo.


Para finalizar o acto, os asistentes puideron gozar da actuación do Grupo de Baile Medieval Capitulaciones de Santa Fe na Praza do Concello.


Novos símbolos da Arribada


A entrega da Medalla de Ouro a Santa Fe non foi o único acto celebrado este venres. A tarde comezou coa inauguración do novo pantalán da Pinta, que a partir de agora se chamará "Cristóbal García Sarmiento", por iniciativa da Asociación Pro-Irmandamentos que leva o mesmo nome. Seguidamente descubriuse a Placa do Descubrimento no novo miradoiro situado na Rúa Santa Fe e inauguráronse as exposicións que veciños e visitantes poderán visitar durante a festa.


Por último, celebrouse a misa e a tradicional ofrenda de coroas ante a Cruz da Evanxelización de América na Igrexa de Santa María.



 photo BAITERRA 2015 WEB_zpsz4cpg6zp.gif photo OCAFECINtildeOV2_zps2fbfb5d9.jpg


Categorías: Baiona, Sociedade, Galego