100% Val Miñor / 100% Independente

Toda a actualidade do Val Miñor

Hemeroteca (2009-2015)

Arranca a V edición da campaña de promoción turístico-gastronómica "Come o Mar"

Publicada el 29 Ee mayo Ee 2015 a las 10:55


REDACCIÓN.- Este venres presentouse no Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela a V Edición da Campaña Promocional “Come o Mar” de Mar Galaica. O acto contou coa presenza da conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.

 

Rosa Quintana destacou o traballo desenvolvido polos Grupos de Acción Costeira para dinamizar e potenciar as comunidades pesqueiras por medio da gastronomía e do turismo mariñeiro, unha actividade na que –sinalou– Galicia é pioneira. Dixo tamén que esta iniciativa de turismo recibe o apoio “con entusiasmo” por parte da Xunta, “pois sabemos que apostar por el é apostar polo futuro, a innovación e, sobre todo, polo emprego”.

 

Nesta mesma liña, a conselleira salientou que nesta campaña participan todos os GAC de Galicia, demostrando que “xuntos traballamos mellor que separados”, algo que “é unha demostración máis do que hai tempo vimos defendendo”, engadiu.

 

Rosa Quintana fixo fincapé tamén en que con esta campaña vanse levar a cabo un total de 700 actividades diferentes de gastronomía e lecer. Estes eventos, vinculados ao mar e á cultura e turismo mariñeiros, desenvolverase dende hoxe e de xeito continuado ata o vindeiro día 30 de xuño.

 

Pola súa parte, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou a forte vinculación da Comunidade galega co mar, da cal afirmou “constitúe unha das maiores fortalezas de Galicia como destino ao achegar unha experiencia turística diferencial, propia e auténtica”.

 

Neste senso, Nava Castro sinalou que a especialización do destino a través da potenciación do mar como recurso repercute positivamente no desenvolvemento turístico do territorio galego. A responsable de Turismo de Galicia explicou que, dada esta importancia, Galicia foi a comunidade pioneira en poñer en valor e crear un produto turístico partindo da oferta mariñeira.

 

“Dende Turismo de Galicia apostamos polo desenvolvemento de experiencias turísticas asociadas ao mar e na súa conversión nun produto innovador, con gran potencial e reclamo para os viaxeiros que queiran afondar na autenticidade dos destinos”, afirmou Nava Castro.

 

Come o Mar

 

“Come o Mar” é unha iniciativa conxunta de todos os Grupos de Acción Costeira, unidos baixo a marca de Turismo Mariñeiro de Mar Galaica, co fin de promover a gastronomía, a cultura e o turismo vinculado co mar, mediante a construción dun produto turístico ao longo de todo o litoral galego. Baséase na colaboración público-privada de empresas do sector servizos (hostalería, aloxamento, turismo de lecer vinculado co mar), do diferente tecido asociativo (confrarías, asociacións vinculadas ao mar...) e dos organismos públicos, entre eles a Consellería do Medio Rural e do Mar e o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.

 

A deste ano é a quinta edición desta iniciativa e nela participan arredor de 300 establecementos. Os produtos e servizos ofrecidos polas vilas e os establecementos adheridos a “Come o Mar” son menús e tapas mariñeiras, aloxamentos, turismo mariñeiro (diferentes propostas das vilas costeiras que difunden a historia e a tradición da cultura do mar), mar lúdica e aventura (actividades de lecer vinculadas ao mar, como buceo, rutas en barco, pesca, surf, etc.).


 


 

 photo BAITERRA 1 320 CON RENTA 2015_zpsm4ejw3nv.gif

Categorías: Galicia, Galego, Cultura/Ocio

Publicar un comentario

Uy!

Uy, se olvidó de algo.

Uy!

Las palabras que ha ingresado no coinciden con el texto dado. Por favor, inténtelo de nuevo.

¿Ya es miembro? Iniciar sesión

0 comentarios